Calendario

Outubro 2014
L M M X V S D
« Dec    
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

Anotacións recentes

Arquivos

Categorías

Páxinas

Nube de etiquetas

Para entrar e saír

Contador de visitas

Lista de ligazóns (blogroll)

                                                      

A Trincheira volveu resucitar, outra vez por invitación do colectivo Sinsal. Xa ocorrera o mesmo en marzo de 2011, no museo vigués Verbum e, o pasado 14 de abril, naquela importante experiencia que foi o Club Sinsal, desenvolvido no MARCO. Desta vez o meu vello programa radiofónico emitiu en streaming desde a illa de San Simón, na que se celebrou outra máis das propostas do Sinsal X.

 Nesta ocasión Radio Sinsal contou con dous programas: A Trincheira e Disimulen, realizado polo xornalista Iago Martínez, que bautizou a súa primeira “gran” experiencia radiofónica co nome do seu blog e dunha sección musical que fai en El País. Repartimos artistas, procuramos outros convidados, turnámonos no traballo e penso que os oíntes souberon de todo o que aconteceu na illa o 24 e o 25 de xullo.

 Por aquel estudio radiofónico coiuntural pasaron a falar todos os músicos do festival ademais de personaxes que estaban por alí por obriga profesional, por pracer ou, na maioría dos casos, polas dúas cousas. E así Disimulen acolleu, entre outros,ó xornalista Xavier Valiño, o director da Fundación Illa de San Simón Xavier Alonso e Manuel Suárez, presidente de Desconcierto Cultural, e a Toni Fernández, responsable da Normal da Coruña; e A Trincheira recibiu, tamén entre outros, ós irmáns Iván e Amaro Ferreiro, á escritora  Iolanda Zúñiga, ós responsables da revista Dot e a algunha das deseñadoras que se achegaron ó festival a amosaren as súas propostas (Marujita Alegre, Más que cestos, Pirusca, Juanaiyo…).

Na realización de Radio Sinsal participaron tamén Pedro Telmo, responsable da enxeñería electrónica e da emisión en streaming; Galis (Adrián Ortiz), DJ oficial e comentarista ben informado; Iria Pinheiro e Mónica Ovaia nos labores de produción; e os tradutores Laura Saez e Pablo Varela. O estudio, pese a ser improvisado, non puido ser mellor: o salón da residencia Stella Maris, na que se aloxaban os músicos do festival.

 Cómpre destacar o excelente traballo realizado polos organizadores e por toda a xente -máis de 100 persoas- que mobilizaron para unha boa singradura do Festival, sen dúbida, dos mellores desta tempada, cada vez acadando máis prestixio e afianzando a “marca” Sinsal. De non ser así, ¿quen pagaría 30€ por asistir a un festival do que non se sabe o nome dos participantes?. Fixérono case mil persoas.

Penso que ninguén saiu decepcionado de Sinsal San Simón desde o momento no que chegaba á illa. A recepción corría a cargo do trío belga Hoquets, contaxiosos cos seus ritmos feitos con instrumentos construídos por eles. No peirao se desvelaba tamén o segredo do cartel, explicado nun programa de man e impreso no vaso ecolóxico que todos levabamos sempre con nós.

Os organizadores deseñaron os concertos para que, poderíamos dicir, cada música soase no seu momento do día. Enerxía para as primeiras horas e camiño do final; intimismo para o xantar e as primeiras horas da tarde. Deste xeito, nos catro escenarios dispostos para o festival, actuaron os citados Hoquets, L’Enfance Rouge, Christian Kjellvander, Aries, Al-Madar, Alela Diane, Maïa Vidal, Nite Jewel, Unicornibot, Alt-J e Shangaan Electro. O segundo día tamén se poido gozar da sesión dj de Simon Russell un dos creadores do selo discográfico británico Rough Trade e notable difusor do Festival Sinsal San Simón. Podedes escoitar a música dalgúns dos artistas participantes nesta cita nas ligazóns de máis abaixo.

 A oferta deste Sinsal San Simón foi dirixida a gustos moi distintos, aínda que os artistas tiñan un vencello común: a calidade. Por outra parte, nada de extrañar, porque esa é a marca de identidade de Sinsal durante a súa década de existencia.

 Sen que me desagradase ningunha (¡nin moito menos!) das propostas musicais, nestas situacións sempre lle quedan a un gravados determinados momentos e sons. E no meu caso quedei abraiado con Unicornibot, sorprendido por Alt-J e alucinado con Shangaan Electro, aínda que isto último penso que lle pasou a todos os asistentes. Mención aparte merece Maïa Vidal, coa súa música inocente e esa imaxe a medias entre unha ninfa do bosque, a cariátide dun templo vestal e Audrey Hepburn.

Outro dos atractivos que para min tivo tamén este festival foi a ausencia de estridencias e de sobresaltos, características habituais en eventos deste tipo. O bo criterio seguido para a instalación dos  imprescindibles servicios de hostalería tivo moito que ver neste aspecto. A plena colaboración da Fundación Illa de San Simón, que se encargou tamén da emisión radiofónica e televisiva en streaming, foi fundamental e tamén a eles se debe parte do éxito do festival.

En definitiva, que agardo xa con impaciencia a próxima proposta de Sinsal no seu Xº aniversario. E, por suposto, a vindeira edición da festa en San Simón.

 

 

   

  

  

  

   

  

  

  

  

  

 

AS  MÚSICAS DE SINSAL SAN SIMÓN

 

HOQUETS

L’ ENFANCE ROUGE

MAÏA VIDAL

NITE JEWEL

UNICORNIBOT

ALT-J

 

  

  

  

  

  

  

  

  

FOTOGRAFÍAS.- Son case todas miñas. As bonitas e ben feitas, de Iria Pinheiro. 

 

RADIO SINSAL

 

A Trincheira (24-VII-2012)

A Trincheira (25-VII-2012) (fragmento)

Disimulen (24-VII-2012)

Disimulen (25-VII-2012)

 

Supoño que andaban de xira por España que non ían pisar Galicia. O caso é que, en setembro de 1989, Xulio Gómez -factotum d’O Berce das neboíñas- e mais eu, tivemos a ousadía de emprazar a The Stone Roses para unha entrevista n’A Trincheira. Eles andaban por Valencia e ditámolos nos estudios de RNE naquela capital.

 

                                    The Stone Roses (20th Anniversary Special Edition)                            Second Coming

 Menos mal que tiñan no seu equipo a un tradutor porque, de non ser así, non sei que teríamos feito Xulio e mais eu co inglés-de-andar-por-casa que dominabamos á perfección. Pero eramos ousados e tiñamos moitísimo interese en falar con aquela banda de Manchester que pese a publicar só catro sinxelos entre 1985 e 1989  se converteron nun referente importante na segunda metade dos 80. En abril de 1989 The Stones Roses publicaron o primeiro LP, The Stones Roses; o segundo, Second Comming, tardaría cinco anos en ver a luz. En 1996, despois de varios cambios no grupo, desfixéronse e en novembro do pasado ano anunciaron a súa volta ós escenarios

                                     Ian, John, Mani and Reni strike a classic pose

O caso é que, 23 anos despois, recupero aquela entrevista grazas a Salva Ronko -alma mater do Maketón Estrella Galicia-. Eu nunca fun de gardar gravacións dos meus programas pero, afortunadamente, naqueles 80 houbo auténticos fans d’A Trincheira que se preocuparon de gravar algúns dos “momentos históricos” que naquel programa se produciron.

 A entrevista a The Stones Roses foi un daqueles “fitos” radiofónicos que se produciron n’A Trincheira e velaquí a tendes por se queredes facer memoria.

 

Entrevista a THE STONE ROSES Edit

 

 

 

Foi para min unha gran satisfacción que a xente de Sinsal me convidase a participar activamente no Club Sinsal, o evento que abriu a décima edición do Festival Sinsal. Eu, que daba por morto e esquecido o meu programa de radio A Trincheira, resulta que agora me sinto como un vampiro, como un ser que non pode morrer. Xa o pasado ano, concretamente o 12 de marzo, A Trincheira volveu no marco da exposición Música en branco: memoria dunha cidade, organizada no Verbum tamén polo colectivo Sinsal. E o pasado 14 de abril, o programa foi algo así como o “medio de comunicación oficial” dese gran encontro multidisciplinar.

Durante catro horas, e mentres se desenvolvían as actividades deseñadas para os distintos espazos dese Club Sinsal, tiven o pracer de reencontarme co micrófono para dar conta do que estaba a acontecer no museo MARCO. Por suposto que era imposible falar con toda a xente que participou activamente no evento, pero polo estudio d’A Trincheira instalado na cafetería -convertida así nun espazo máis de actividades- pasou unha chea de xente.

Debo confesar que tiven que documentarme o máis a fondo posible para realizar todas aquelas entrevistas por descoñecer, case en absoluto, o traballo de moitos dos convidados. Non foi un traballo na desagradable porque, así, ampliei os meus coñecementos. O saber non ocupa lugar, disque din.

Con ese traballo de documentación quería tamén, no posible, non caer nos tópicos e na repetición de preguntas nas conversas.  Creo que, máis ou menos, o conseguín e que non fixen un mal papel como locutor. Certo é que o de facer radio e como o de andar en bicicleta, non se esquece, pero sempre hai algo de óxido.

Debo confesar tamén que  o traballo de documentación foi o único esforzo que tiven que facer para preparar esta edición especial d’A Trincheira, xa que os organizadores prepararon a listaxe de entrevistados e o horario de entrevistas. Iso si, tomeime a liberdade de “impoñer” como entrevistadas a Mª Xosé Queizán e a Rexina Vega. A primeira, porque teño o pracer de coñecela e tratala desde mediados dos anos 60, cando eu era un cativo de 7 ou 8 anos; a segunda porque me interesaba coñecer e falar cunha persoa capaz de afirmar que “hai mentalidade postfranquista nos que controlan o gusto literario”. Nos podcast que se colgarán proximamente na web de Sinsal poderes escoitar todas as entrevistas que se fixeron e a música que se programou.

Non considero oportuno comentar aquí a impresión persoal que me causaron os diversos entrevistados -todas moi positivas, quede claro- pero si indicar a satisfacción que manifestaron por ter participado no Club Sinsal: satisfacción polo novidoso da experiencia, pola recepción do público e polo seu traballo.  Notei que eran opinións sinceras e non de compromiso, o que debe terse en conta á hora de avaliar os resultados do evento.

Cito, de seguido, quen foron as “vítimas” do meu “terceiro grao”: os músicos e grupos Ignorantes, Ucranian Bride, Orquesta Metamovida, Recojo Chatarra, Fantasmage, Montgolfier Brothers, Carlos Suárez, Phaedra, Colectivo Oruga e Draen; Mauro Sanín e Nacho Muñoz, que impartiron os obradoiros para nenos de músicas para peto e improvisación musical, respectivamente; as xa citadas escritoras Mª Xosé Queizán e Rexina Vega; Úcar, da revista Dot, publicación que se encargou do comisariado musical do Espazo Súper 8; e Ángel Rueda, director de cine e comisario do Espazo Súper 8. Foron, pois, dezaseis entrevistas coas que penso que se deu unha ampla visión deste Club Sinsal.

 Ás 10 de anoite remataron as actuacións nos distintos espazos -a dos Montgolfier Brothers no Salón Sinsal prolongouse un chisquiño máis- e deuse paso a un “acto de confraternización”: unha cea-buffete -excelente, por certo- na cafetería do MARCO na que participamos algúns dos protagonistas activos da xornada e xente do público que quixo comentar a súa visión do evento. Eu tiven o pracer de compartir mesa e mantel coas escritoras Iolanda Zúñiga e Rexina Vega; Lucía Riveiros, cantante lírica e fundadora do grupo Murmel; a profesora Paz Raña; Begoña Outeiro, tamén profesora e colaboradora no xornal dixital Praza Pública; e Hermes, compañeiro de Rexina e metido no mundo do ensino.

O único que tivo de malo o traballo d’A Trincheira e que non puiden visitar ningún dos espazos nin escoitar ningunha das actuacións. Resarcinme minimamente o domingo co marabilloso concerto de Blues Control & Laraaji & Arji: dúas improvisacións, unha de case 45 minutos moi relaxante, e outra duns 20 na que o público participou berrando.

 

 

 

 

 

Para esta nova edición puntual d’A Trincheira tiven a ousadía de pedirlle ó músico e produtor B.O.U.L.E. que, inspirándose na vella que fixera Alberto Torrado, elaborase unha sintonía máis acorde cos sons da segunda década do século XXI. O resultado paréceme marabilloso e quen queira escoitala tenna a súa disposición aquí:

Sintonía de B.O.U.L.E. para A TRINCHEIRA

Este experimento de levar A Trincheira a esta gran cita multidisciplinar foi para min unha fermosa e satisfactoria experiencia que, se non ocorre ningunha catástrofe, se repetirá o 24 e 25 de xullo no novo capítulo do Festival Sinsal X na Illa de San Simón, a onde fun convidado por Xulio Gómez, un dos ideólogos deste magnífico proxecto.

Finalmente, quero agradecer a colaboración de Javier Pereira e de Alexis Bournon, o primeiro encargado da parte técnica do programa e o segundo responsable de ir achegando ós entrevistados ata o espazo, ademais de exercer de tradutor na conversa coa norueguesa Iggy Lanngard (Phaedra). O meu agradecemento tamén ás autoras da fotos-móbil que inclúe esta anotación: a miña filla Irene e as xornalistas Nieves García Figueira e Teresa Cuíñas.

                                                                                                                

 

 

 

 

 

 

Nas fotos do espazo d’A Trincheira aparecen (de arriba a abaixo) Fantasmage, Ignorantes, Montgolfier Brothers, Mª Xosé Queizán e Mauro Sanín

No mes de marzo de 2011, o coletivo Sinsal Audio organizou no museo Verbum a exposición Música en branco: memoria dunha cidade. A mostra era unha montaxe cunhas caixas de madeira que no seu interior contiñan cadanseu reprodutor de son. Cada unha das caixas, a xeito de altofalantes, emitía as cancións que, para os vigueses, marcaron dalgún xeito a súa vida, recollendo tamén a testemuña das persoas que participaron nesta selección.

No marco da exposición os organizadores quixeron recuperar por unhas horas o meu programa A Trincheira, considerando que fora un fito sonoro importante na historia da radio local.

Para esa cita convoquei a diversos invitados, todos relacionados cos anos 80 pero todos tamén traballando en proxectos novos. Así, o primeiro  foi Nicolás Pastoriza, quen, a esa altura, estaba a piques de lanzar dous discos. Un deles, Yo le disparé al Presidente y otras canciones de amor, colgouno na web que estreou poucos días despois, www.nicolasycia.com,  a disposición gratuita de todo o mundo. O outro, El niño con la raqueta en el espejo, editouno en formato físico no seu selo Discos Porsiacaso.

O debuxante Pedro Sardiña foi o seguinte en conversar conmigo. Etre outros asuntos, ademais de falarmos moi resumidamente da súa vida artística, contounos un dos proxectos nos que anda metido: a elaboración dunha novela gráfica que será algo así como unha “vigo-grafía” e que, en principio, vaise chamar Del Pirulí al cielo. É un proxecto no que Sardiña pensa investir unha década de traballo.

Coral Alonso, Silvino Díaz e Luis Santamarina, de Aerolíneas Federales, acudiron a esta cita xa cos billetes de avión na man para marcharen a Perú. Alá se foron, poucas semanas despois, invitados por un fan que levaba anos detrás deles para que fixeran esa viaxe e actuasen na capital do país, Lima. Serían nada máis que dous concertos, os dous de gran éxito, xa que a música de Aerolíneas Federales, cousa que moitos descoñeciamos -mesmo eles-, tivo moita presenza naquel país.

A raíz desta viaxe, Aerolíneas Federales decidiron volver á escena brevemente, cunha pequena serie de pequenos e elixidos concertos. O primeiro deles xa se celebrou na sala Razzmatazz de Barcelona e, en breve, anunciarán os restantes.

Paralelamente a este regreso, o grupo aproveita para editar un disco no que se recollen gravacións en maqueta inéditas de toda a súa historia, mesmo algunhas cancións que gravara Juan Dotras Flechi, primneiro cantante e fundador do grupo xunto a Silvino Díaz e Miguel Costas.

O seguinte convidado naquela tarde no Verbum foi un personaxe absolutamente anónimo, Tono García Míguez. Coñecinno en Santiago, por casualidade, e no libro (p.213) relato a anécdota do noso encontro. Tono foi un asiduo oínte d’A Trincheira sendo el estudante de instituto e, segundo afirma, foron esas horas de escoita do programa as que o levaron a facer da música unha vocación. Exerceu de picadiscos eventual en coñecidos locais santiagueses -A Reixa, Ambigú- e ten unha asombrosa colección de vinilos de música psicodélica.

Os últimos convidados daquela edición extraordinaria, única e irrepetible (¡nunca digas nunca xamáis!) d’A Trincheira, foron Siniestro Total. o grupo más veterano da escena viguesa, acababan de rematar a súa xira de presentación do seu último -que non derradeiro- disco, Country & Western.

Nesa conversa os compoñentes do grupo xa nos adiantaron ese proxecto de traballo co Taller de Música Atlántica, Land of opportunity que presentarían, meses despois, no Auditorio de Galicia, en Santiago, e no Teatro García Barbón de Vigo o 4 de xaneiro de 2012, dentro dos “fastos” de celebración dos seus trinta anos de historia.

Ademáis da conversa con estes invitados, nesta edición d’A Trincheira programei música en maqueta de grupos dos 80, case todos vigueses, que nunca chegaron a gravar disco: Los Culpables, Las Termitas, El Acto, Ultramarinos Troncoso…

Aquela tarde no Verbum non foi unha tarde de nostalxia, ou polo menos non o foi para min. E, de feito, se de verdade tivese en antena A Trincheira hoxe, aqueles convidados que tiven sen dúbida serían protagonistas do programa en máis dunha ocasión. E a música das maquetas tamén soaría por considerar eu que son auténticos documentos históricos que non se deben perder e que se deben coñecer para entender a historia musical de Vigo e de Galicia.

 

         

 

 

 

 

 

 

 

 

  

 

 

 

 

 

    

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Comentarios desactivados

No meu programa radiofónico A Trincheira, en Radiocadena Española-Vigo e RNE 4 mantiña unha relación máis ou menos fluída cos oíntes. Certo é que nunca aceptei unha petición, decisión esta que temei nos primeiros días da súa emisión porque as solicitudes que me facían eran sempre de temas moi comerciais que eu consideraba “indignos” do programa e que, ademais, podíanse escoitar unha e outra vez nas emisoras de radio-fórmula, ou sexa, case todas as demais.

O que si que respondía con pracer eran as cartas que me remitían os oíntes, ben para solicitarenme algún tipo de información, ben para pedírenme que lles enviase algunha gravación das maquetas que eu programaba. Con moito asombro, e cando este blog aínda non estaba en pleno funcionamento, contactou conmigo Xabier Crugeiras, de Ribeira, vello oínte do programa. Nunha ocasión pedírame que lle mandase unha cinta cos temas gravados en maqueta do grupo Ancha es Castilla, de Guipúzkoa, que acompañei dunha carta. Xabier conservouna -non sei se como ouro en pano- e tivo a amabilidade de enviarma. Esta é a misiva, con datos que permiten apreciar o fluído intercambio de material que se realizaba n’A Trincheira. Sempre o dixen: sen a colaboración da xente aquel programa no sería posible:

Comentarios desactivados

No programa A Trincheira recibín unha chea de maquetas de grupos que querían darse a coñecer. Na maioría dos casos eran os propios compoñentes da banda quen se achegaba ata os estudios da emisora para entregarme o cassette en man e, de paso, darme a chanca. Máis dunha vez tiven que “poñer firmes” a algúns “músicos”, convencidos de que mal-tocar catro acordes e gravalos nunha cinta xa lles daba esa categoría, a de músicos.

Nunha ocasión leváronme unha cassette gravada cun daqueles mini-gravadores que os xornalistas utilizabamos para o traballo diario. Inaudable, claro. Os rapaces eran moi novos e eu non sabía que excusa poñerlles para liberarme de ter que emitir aquel desastre e non frustrar as súas ilusións. “Fáltanlle arranxos. Polo demais está moi ben”, dixen. “Que entendes ti por arranxos?”, preguntaron eles.

Outra vez chegaron uns rapaces cunha nova infamia sonora. E por riba revertían soberbia. “Nós os músicos…”, “Ninguén entende ós músicos…”,”Os músicos coma nós…”, repetían. Farto daquela actitude, pregunteilles: ” Aclarádeme unha cousa, que diferenza hai entre un do sostenido e un re bemol?”. Puxeron cara de sorpresa e o “líder” respondeu: “E que para iso hai que saber música!”. “Coño!- rematei eu- pero vos non erades músicos?”. Nunca os volvín ver.

Noutras ocasións recibía as maquetas vía postal, acompañadas da pertinente carta de presentación. Conservo esta remitida por un grupo da “península do Morrazo” chamado Corrossión. O ton humorístico da súa redacción era habitual naqueles tempos. Pero o sentido do humor non é suficiente para facer música.

Comentarios desactivados

A Trincheira

18/10/11

En abril de 1986, en Radiocadena Española-Vigo (FM, 90.1) comecei a realización de A Trincheira, un espazo musical e cultural que foi case un referente para toda a xente da movida viguesa. O éxito do programa non se debeu exclusivamente ó meu traballo senón tamén a colaboración de diversas persoas que, cos seus espazos propios, enriqueceron as emisións. Persoa fundamental foi Xulio Gómez, hoxe activista musical desde o colectivo Sinsal Audio, que puña en antena semanalmente “O berce das neboíñas”, un espazo no que se podían escoitar, case en primicia, as últimas novidades da música independente británica. Os actores Ricardo Álvarez Indio e Jero Calero, do grupo Máscara 17, animaban cada xornada o programa co humor de “A pulga en celo”. E Indio, na compaña do pintor Isaac Pérez Vicente, realizaba “O inimigo dentro”, un tempo semanal dedicado á música electrónica e experimental.

A Trincheira, que desde xaneiro de 1989 pasou a emitirse no circuito galego de RNE-Radio 4, permaneceu en antena ata abril de 1991, e por el pasaron centos e centos de persoas de todos os ámbitos da cultura. Sen a súa participación, e case devota colaboración, o programa non sería posible. Tamén grazas a ele seu fun quen de escribir o libro Vigo a 80 revolucións por minuto. No pé desta anotación pódese escoitar  a que foi sintonía do programa durante moitos anos: un tema instrumental que me regalou Alberto Torrado, daquela xa exclusivamente en Os Resentidos.

A ilustración é o boceto dun cartel de Pedro Sardiña para a “homenaxe” que se lle rendeu ó programa en marzo de 2011 no museo Verbum de Vigo, dentro da mostra Música en branco: memoria dunha cidade, organizada por Sinsal Audio.

 

Sintonía A TRINCHEIRA

Comentarios desactivados